Historia do CPUSA
[Resumo]

William Z. Foster

1952


Primeira edição: O que fora Secretario Xeral do Partido Comunista dos Estados Unidos, William Z. Foster, publicou en 1952 o libro History of the Communist Party of the United States. As 600 páxinas das que consta esta obra, fundamental para comprender o movemento comunista en Norteamérica, veñen de ser resumidas polos compañeiros estadounidenses que fan o blog Communist Party Discussión. O traballo vai desde as orixes do partido que dan lugar ao seu nacemento en 1919, até o ano 1951. O resume recolle algúns dos momentos máis importantes do partido, particularmente a batalla contra o revisionismo browderista.
Fonte: Estoutras.
Transcrição e HTML: Fernando A. S. Araújo.

O Partido Comunista dos Estados Unidos (CPUSA) cumpre 90 anos este ano. Durante estas décadas, a clase capitalista (a través da súa intelectualidade, dos medios de comunicación e do goberno) acumulou un incontábel número de calumnias contra o CPUSA. Como resultado, só unha mínima porcentaxe da poboación coñece algo da verdadeira historia do partido. Os comunistas sabían que a burguesía norteamericana vería sempre no partido a principal ameaza doméstica ao seu poder e, polo tanto, non cesarían nas súas tentativas de calumnialos, reprimilos e destruílos. William Z. Foster, en 1952, cando a burguesía levaba a cabo a súa máis dura campaña para destruír o partido, escribiu a Historia do Partido Comunista dos Estados Unidos, o documento definitivo para dar a coñecer a realidade do partido. A historia verdadeira e núa do partido non tiña ningunha semellanza coas calumnias da burguesía e os seus lacaios.

Foster explica que as primeiras orixes do partido sitúanse moito antes da data oficial da súa fundación en 1919. Os primeiros marxistas nos Estados Unidos foron na súa maioría inmigrantes alemáns que chegaron após a derrota das revolucións de 1848 en Europa. Algúns, como Joseph Weydemeyer (un camarada de Marx e Engels), chegaron a xogar un importante papel na loita pola abolición da escravitude. Os marxistas organizados apoiaron a Abraham Lincoln e o recente creado Partido Republicano nas críticas eleccións de 1860. Moitos, como Weydemeyer (antigo oficial de artillaría no exército prusiano), loitaron na Guerra Civil. Marx tamén se carteou con Lincoln e pediu a emancipación dos escravos e a creación de brigadas afroamericanas para axudar a derrotar o réxime escravista do sur. A vitoria da Unión na Guerra Civil constituíu unha revolución democrático burguesa e foi aclamada como unha guerra progresista por Marx, Engels e Lenin.

Após a Guerra Civil, os marxistas norteamericanos militaron en numerosas organizacións políticas, como a Primeira Internacional (é dicir, a Asociación Internacional de Traballadores) ou o Partido Socialista do Traballo. Tamén participaron activamente na creación de sindicatos e axudaron a organizaren importantes folgas, ambas as dúas cousas duramente reprimidas polo réxime burgués (a miúdo sen escrúpulos). A fundación do Partido Socialista de América (SPA) entre 1900 e 1901 e, un pouco máis tarde, a organización Obreiros Industriais do Mundo (que foi orixinalmente marxista, antes de ser tomada polos anarquistas), foi poñendo as bases dunha tendencia política (a esquerda do SPA) que, finalmente, se transforma no Partido Comunista.

A loita entre as faccións da esquerda e da dereita do SPA levou á creación do Partido Comunista pola primeira. A controversia xiraba ao redor de diversas cuestións. Os líderes do SPA, dereitistas e “centristas”, negáronse a poñer en prácticas as resolucións aprobadas polo partido condenando a Primeira Guerra Mundial. Os líderes da facción dereitista tamén buscaban a colaboración de clase no canto da loita de clases, defendendo a democracia burguesa fronte a ditadura do proletariado, e querían aliarse coa dereitista e oportunista Segunda Internacional e non coa recentemente creada Terceira Internacional. Os militantes da facción de esquerdas defendían a Revolución de Outubro e o marxismo-leninismo. As eleccións nacionais internas do SPA de 1919 foron gañadas sen problemas pola esquerda, mais a dirección dereitista liderada por Hillquit e Berger refusou recoñecer os resultados, expulsando á meirande parte dos militantes do SPA para se aferrar ao poder.

Malia ser expulsados, algúns membros da facción de esquerdas (como John Reed) non quixeron renunciar ao SPA e ocuparon o seu escano na convención do partido do 30 de agosto de 1919 en Chicago. A direccións dereitistas chamou á policía para expulsalos. A esquerda abandonou o SPA o 31 de agosto de 1919 e formou o Partido Comunista do Traballo de América. O 1 de setembro de 1919, outro grupo de esquerda ex SPA de Michigan creou o Partido Comunista de América. Estes dous partidos comunistas, co tempo, acabaron fundíndose nunha soa organización.

Os dous novos partidos tiveron que enfrontarse inmediatamente á represión e ao terror da burguesía, sendo os Palmer Raids, en outubro de 1919, a primeira acometida significativa. O goberno burgués dos Estados Unidos, que pretendía “facer un mundo seguro para a democracia” na I Guerra Mundial, botou man da represión terrorista contra os obreiros norteamericanos. Estímanse en 10.000 os arrestados, moitos levados dos seus fogares no medio da noite, incluíndo á maioría dos dirixentes dos dous novos partidos comunistas. Malia o terror burgués, os dous partidos acadaron a unión en maio de 1921 (un intento anterior de unificación en maio de 1902 fracasou).

O partido, chamado o Partido dos Obreiros de América (WPA) até 1925, tratou de estender o seu traballo entre as loitas diarias das masas. As distintas linguas das federacións axudaron na organizacións dos inmigrantes, porque estas federacións estaban compostas maioritariamente por inmigrantes que falaban as súas linguas orixinais e as publicacións tamén estaban escritas nesas linguas. O WPA estaba moi involucrado na organización sindical, malia o terror burgués dirixido contra os obreiros organizados e en folga. O WPA tamén participaba na Liga dos Sindicatos de Educación, o que axudou a construír unha coalición de esquerda dentro dos sindicatos.

En 1923-1924, houbo un intento serio de construír un amplo partido de obreiros e campesiños, que xiraba en torno ao senador progresista Robert LaFollete e a súa candidatura independente para presidente en 1924. O WPA participou neste movemento, que foi finalmente destruído polos líderes sindicais de dereita, ligados estes aos dous partidos defensores do sistema capitalista. O WPA tamén propuxo a William Z. Foster para presidente en 1924, o primeiro candidato comunista a Presidente dos EUA, conseguindo estar presente en 13 estados e obtendo 33.316 votos.

O WPA loitaba contra o intenso racismo e o terror reaccionario do réxime de Jim Crow no Sur. Despois de estudar os traballos de Lenin e Stalin sobre a cuestión nacional, o WPA recoñeceu que o pobo afroamericano constituía unha nacionalidade oprimida (e, xa que logo, tiña dereito á autodeterminación), que foi algo que os anteriores partidos de esquerda nunca defenderon. Os comunistas tentaron aumentar o número de militantes afroamericanos nos sindicatos e no WPA.

O partido trocou de nome, en 1925, para converterse no Partido (Comunista) dos Traballadores. A mediados dos anos 20, unha seria ameaza oportunista de dereitas chegou en forma de Jay Lovestone. A esencia do oportunismo dereitista de Lovestone era o típico argumento burgués do “excepcionalismo estadounidense”. En concreto, sostiña que o capitalismo norteamericano non se dirixía cara a unha crise. Finalmente, intentou, sen éxito, dividir o partido. A chegada da Gran Depresión en 1929 pronto desacreditou o seu punto de vista. Lovestone tamén tentou estabelecer unha alianza co oportunista de dereitas e traidor soviético, Nikolai Bukharin.

O auténtico impulso da década dos 30 empezou a finais de 1929, a Gran Depresión, a máis importante crise económica capitalista. Os comunistas viran chegar a crise, e xa repudiaran as teorías de Lovestone sobre a prosperidade burguesa. O partido estaba fortemente involucrado nas loitas das organizacións de masas de obreiros (empregados e desempregados) e campesiños. Tamén noutras moitas loitas e campañas, incluídas as mulleres, a mocidade e os afroamericanos. En 1930, o partido cambiou o seu nome polo de Partido Comunista dos Estados Unidos.

William Z. Foster concorreu como candidato comunista ás eleccións presidenciais de 1932. James W. Ford, afroamericano e antigo obreiro siderúrxico, era o candidato á vicepresidencia. Os comunistas presentáronse en 40 estados, cun resultado de 102.991 votos (o mellor resultado do partido nunha eleccións presidenciais até ese momento). Franklin D. Roosevelt, do Partido Demócrata, foi elixido presidente nestas eleccións.

Nas eleccións de 1936, as forzas reaccionarias uníronse á candidatura de Alfred Landon para derrotar ao presidente Roosevelt. Landon tivo un apoio absoluto dos medios de comunicación burgueses e era moi querido polo reaccionario magnate da prensa Randolph Hearst. A política do Partido Comunista era de apoio á loita de Roosevelt contra as seccións máis reaccionarias da grande burguesía. Combateu tamén as ilusión que a burguesía tentaba espallar entre os traballadores a través das reformas do New Deal, ao tempo que tentaba espremer os máximos beneficios para a clase obreira destas reformas. O partido, porén, non podía dar un pleno apoio a Roosevelt, e presentou a Earl Browder para presidente e James W. Ford para vicepresidente. As candidaturas comunistas estiveron presentes en 34 estados e conseguiron 80.181 votos.

O Comité de Organización Industrial (CIO), creado en 1935, era o maior paso adiante dado nos EUA polo movemento obreiro. O Partido Comunista xogou un papel chave na organización dese movemento para a creación de sindicatos industriais de base. A forza da esquerda no CIO durante a primeira década da súa existencia foi o resultado da boa organización polos comunistas de obreiros e militantes nas liñas de piquetes.

Malia estes éxitos, o crecemento da ameaza fascista en todo o mundo inflúe na situación política. No VII Congreso da Internacional Comunista, en 1935, apróbase a política das frontes que unan a todos os elementos democráticos (obreiros, campesiños, intelectuais, pequenos empresarios, comunistas, e outros) dispostos a unha loita común contra o fascismo. Frontes populares antifascistas chegan ao goberno nos estados francés e español.

No Estado español, o lexitimamente elixido goberno da fronte popular foi rapidamente atacado polo fascismo. Desde xullo de 1036, Franco, monicreque de Hitler e Mussolini, lidera unha sublevación en Marrocos. Os EUA, Gran Bretaña e Francia avogan por unha falsa posición de “neutralidade”, negándose a vender subministros de guerra á República. Namentres, Hitler e Mussolini proporcionan a Franco grandes cantidades de tropas, artillaría e avións. Co obxecto de evitar o triunfo dos fascistas, os partidos comunistas do mundo ofrecen todo o seu apoio, incluíndo tropas.

As Brigadas Internacionais compúñanse de comunistas e outros loitadores antifascistas de Europa, América e outras partes. O CPUSA e a Liga da Mocidade Comunista organización o envío duns 3.000 soldados, moitos deles non militantes do partido, para loitaren pola República. O 6 de xaneiro de 1937, formouse o Batallón Abraham Lincoln, e pouco tempo despois o Batallón George Washington. Os dous uníronse máis tarde.

Os afroamericanos, que eran varios centos nas tropas norteamericanas, estaban totalmente integrados nas forzas de combate (moitos deles chegaron a oficiais). Isto contrastaba coa co exército nos EUA na época de Jim Crow. As brigadas norteamericanas loitaron heroicamente nas ofensivas de Brunete, en Jarama, Belchite, Fuentes de Ebro, Teruel, na ofensiva do Ebro, e en moitas outras batallas. Dos 3.000 voluntarios, uns 1.500 morreron. Outros batallóns internacionais sufriron tamén fortes baixas. Malia a valente resistencia, os fascistas gañaron (grazas so embargo de armas do Occidente). Foster sinala que os comunistas norteamericanos deben sentirse orgullosos do papel activo que o seu partido xogou na defensa da República, o que constitúe o feito máis glorioso de toda a vida do partido.

O movemento comunista internacional estaba practicamente só na condena do Pacto de Múnic, onde os líderes de Alemaña, Italia, Gran Bretaña e Italia (incluído o famoso conservador inglés, Neville Chamberlain) acordaron que Alemaña debía tomar o Sueste, é dicir, Checoslovaquia. A principios dese ano, a Wehrmacht de Hitler apoderárase de Austria. Despois da traizón de ingleses e franceses en Múnic e a súa negativa a crear unha forte alianza defensiva, a URSS e Alemaña asinaron en 1939 un pacto de non agresión. O imperialismo británico quería claramente que Alemaña atacara á URSS. O pacto outorgou á URSS 22 meses adicionais para armarse, o que, finalmente, resultou decisivo para gañar a guerra.

Namentres, o CPUSA combatía aos chamados “isolacionistas” (republicanos, demócratas de dereita e pequenos grupos fascistas), que eran esencialmente reaccionarios pro Hitler e querían que os nazis atacaran á URSS. Asemade, tamén se opuxeron á postura pro británica de Roosevelt, ao tempo que chamaban por unha alianza internacional como propuña a URSS.

O partido creceu moito durante os anos anteriores á guerra. Foster declarou que «particularmente útil para o partido durante eses anos foron os libros Os fundamentos do Leninismo e Historia do Partido Comunista da Unión Soviética, de Stalin, e tamén os escritos de Georgi Dimitrov.» O partido aprendera a unir e guiar ás masas nas súas loitas cotiás, algo fundamental para o medre da súa influencia e, en última instancia, da súa militancia.

Houbo tamén ataques ao partido polo Dies Committee(1) nos anos de preguerra. Unha reaccionaria lei aprobada en 1940, Voorhis Act, privou ao Partido Comunista do seu dereito á afiliación internacional. O CPUSA disolveu á súa afiliación coa Internacional Comunista para evitar ser xulgado por esa lei.

Despois do ataque de Pearl Harbor, os EUA entraron oficialmente na II Guerra Mundial. O CPUSA xa apoiara unha guerra dos pobos do mundo contra o fascismo desde o ataque nazi á URSS o 22 de xuño de 1941. A posición do partido era de apoio total aos esforzos militares dos soviéticos e ingleses contra Hitler. O partido, nunha declaración do 7 de decembro de 1941, afirmaba: «O Partido Comunista promete a súa lealdade, o seu traballo consciente e a última gota do seu sangue na defensa do noso país na maior ameaza de toda a súa existencia.» Remataba o comunicado: «Todos pola Unidade Nacional!, todos pola vitoria sobre o fascismo escravista!» O número de comunistas que ingresaron nas forzas armadas foi de 15.000. Moitos chegaron a oficiais e moitos outros foron condecorados, como Robert Thompson, Alexander Suer ou Herman Boettcher. Moitos non regresaron nunca.

Na fronte interna, os comunistas estaban na vangarda de todos os traballos destinados a fortalecer o esforzo de guerra. Participaban en todas as faces do traballo defensivo civil. Tamén combateron incesantemente contra todos os “isolacionistas” e outros reaccionarios e sabotadores. Pularon para que norteamericanos e ingleses abriran unha nova fronte en Francia.

Con tantos homes na fronte, foron moitas as mulleres candidatas a ser dirixentes do partido, como Elizabeth Gurley Flynn, unha membro do Comité Nacional. A militancia do partido medrou lentamente durante a guerra, pero acadou o máximo histórico en 1944, con 80.000 militantes (incluídos os 15.000 no exército). Durante este período, o partido tamén presentou a Peter Cacchione e Benjamin Davis para o Concello de Nova York. Porén, as políticas oportunistas de Browder(2) impediron ao partido un crecemento maior do que tivo.

Nos anos 30, Browder comezou a afastar o partido do marxismo-leninismo. Desenvolveu unha teoría abstracta (neutral no tema das clases) que defendía as “tradicións revolucionarias e democráticas de América”, e que apostaba pola democracia burguesa. Un dos seus lemas era: “O comunismo é o americanismo do século XX”. Desviouse cara ao reformismo, cara á ideoloxía socialdemócrata.

Durante a II Guerra Mundial, Browder desviouse aínda máis á dereita. Interpretou erroneamente o acordo de Teherán entre Roosevelt, Churchill e Stalin (que era un acordo militar, estabelecendo o 6 de xuño de 1944 como data para o inicio da fronte de Francia). Coidou que en Teherán se garantía un acordo de cooperación entre os tres grades para despois da guerra. Asumiu erroneamente que o capitalismo monopolista norteamericano buscaba a coexistencia pacífica e unha competencia amigábel coa URSS. Tamén imaxinou que o imperialismo norteamericano toleraría as revolucións populares en Europa e colaboraría cos movementos de liberación nacional das colonias. Non fai falla dicir como a historia demostrou dramaticamente o errado que estaba.

Browder despois desenvolveu o concepto de “unidade nacional”, como un período duradeiro na posguerra. Fantasiou que serían «moi poucos os descontentos no mundo do traballo e as relacións entre o traballo, o goberno e os empresarios, serán moi pouco tensas”. Quería que os incentivos salariais á produción e a promesa de non convocar folgas durante a II Guerra Mundial, continuasen durante a posguerra. O seu concepto de unidade nacional tamén avogaba porque os traballadores aceptaran o sistema electoral bipartidista.

Após esta rendición ideolóxica fronte á burguesía, Browder xa non viu a necesidade do Partido Comunista. Propuxo a súa disolución e a reorganización dos comunistas nunha organización non partidista, educativa, algo que no século XXI sería coñecido probabelmente como un think tank. O leninismo, o marxismo do presente, foi totalmente rexeitado por Browder. O corazón das ideas oportunistas de Browder era o excepcionalismo americano, a ilusión de que o sistema capitalista ianqui non estaba suxeito ás leis de crecemento e crise do capitalismo doutros países. O certo foi que os monopolistas norteamericanos chegaron a todo o mundo, e Wall Street conquistou a hexemonía imperialista mundial. Outro elemento importante na utopía de Browder era a ilusión keynesiana dun “capitalismo progresista”. O que non significaba outra cousa que o rexeitamento total á loita revolucionaria dos traballadores polo socialismo.

Pouco despois de que Browder fixera o seu informe sobre Teherán, a principios de 1944, William Z. Foster, daquela presidente do partido, enviou unha carta ao Comité Nacional que contiña un ataque total ao oportunismo de Browder. Co gallo de evitar unha escisión no partido, limitou a súa oposición ao Comité Nacional nese momento. O CPUSA disolveuse en 1944 para pasar reconstituírse como Asociación Política Comunista (CPA). Uns meses despois, Browder tentou incluso eliminar a palabra comunista do nome da organizacións, mais esa proposta foi rexeitada por un voto no Comité Político. Antes, a Liga da Mocidade Comunista tamén fora liquidada e transformada na “Mocidade Americana pola Democracia”, nun intento por acabar coa traballo marxista-leninista entre a mocidade. O revisionismo de Browder debilitou o partido en todas as areas de traballo (sindicatos, afroamericanos, muller e mocidade). En 1944, incluso chegou a propoñer que demócratas e republicanos fixeran unha candidatura unida para as eleccións presidencias, mais esta estupidez foi rexeitada polo Comité Político.

A incerteza verbo da política de Browder converteuse pronto en oposición. No plano internacional, Jacques Duclos, secretario do Partido Comunista Francés, publicou un artigo no que denunciaba sen ambaxes o browderismo. O artigo xogou un importante papel na mobilización á xa existente oposición a Browder. O CPA recibiu unha copia do artigo de Duclos o 20 de maio de 1945, que inmediatamente foi discutido no Comité Político. Pouco despois, a liña Browder foi rexeitada por unha maioría de dous terzos do Comité Político. Maioría que pouco despois se converteu en unanimidade, agás o propio Browder. Este negouse a rexeitar a súa derrotada posición política e foi destituído do seu posto de secretario xeral. Estabeleceuse un secretariado formado por tres persoas (William Z. Foster, Eugene Dennis e John Williamson). Entre os días 26 e 28 de xullo, celebrouse unha convencións extraordinaria. Na mesma, o browderismo foi eliminado e as bases marxista-leninistas foron restabelecidas. O CPA desapareceu, e reconstituíuse o CPUSA. Foster retomou a presidencia nacional. A nova constitucións estabelecía con claridade que o partido se baseaba nos principios do marxismo-leninismo. O reconstituído Partido Comunista rexeitou a política de “non folgas” do período de posguerra de Browder, a submisión ao sistema bipartidista e ao “capitalismo organizado”. Browder tentou organización unha escisión revisionista. Porén, fallou no seu intento e foi expulsado do partido a comezos de 1946. Só un puñado de militantes — a súa esposa, o seu irmán e un pouquiños máis — partiron con el. Browder pasou a atacar o partido desde fóra, mais volveu fracasar no seu intento de gañar apoios ás súas absurdas teses de Teherán.

Coa fin da guerra, a burguesía norteamericana, co reaccionario Harry Truman como o seu líder, buscou a dominación global. Para conseguilo, tentaron con todas as súas forzas derrotar as novas democracias populares de Europa e Asia. Amañaron as eleccións en Francia e Italia para evitar que os partidos comunistas conquistaran pacificamente o poder. Defenderon o terror reaccionario en Grecia (como en moitos outros países) para combater calquera tipo de oposición ao imperialismo norteamericano. Empregaron o “Plan Marshall” para controlar as economías capitalistas de Europa. Estabeleceron réximes marionetas na oeste alemán e no sur de Corea. Crearon a OTAN, un bloque militar hostil, para dominar Europa. Atacaron Corea. Planificaron usar armas nucleares contra a URSS e a República Popular Chinesa. Crearon unha pro imperialista, antiobreira e anticomunista “Confederación Internacional de Sindicatos Libres” para fraccionar o movemento internacional do traballo. Aprobouse a fascista Lei Taft-Hartley para debilitar aos sindicatos. O Partido Comunista actuou en firme oposición a toda a axenda reaccionaria para a dominación mundial da burguesía norteamericana.

Por esta razón, a burguesía decide prohibir e destruír o partido. A burguesía norteamericana aprendeu das ditaduras fascistas que o Partido Comunista é o máximo defensor dos dereitos democráticos, polo que se os dereitos democráticos do partido son abolidos, entón, as liberdades do pobo serán debilitadas. O goberno reaccionario de Truman empregou o FBI de Edgar Hoover, o Comité McCarran e o famoso Comité de Actividades Antiestadounidenses para atacar ás forzas progresistas. Moitos foron arrestados, incluídos os líderes do Comité Unitario para os Refuxiados Antifascistas (Joint Anti-Fascist Refugee Comittee) por se negar a dar os nomes dos seus doantes e dos refuxiados da República. A acusación constituía un “desprezo ao Congreso”, penada de seis meses a un ano de cárcere. E isto só por negarse a declarar datos persoais e privados dos seus afiliados. En 1947, Eugene Dennis, secretario xeral do Partido Comunista, negouse a comparecen diante do Comité de Actividades Antiestadounidenses, sendo encarcerado durante un ano.

O 20 de xullo de 1948, doce militantes do Comité Nacional do Partido Comunista foron arrestado por “violación” da lei de 1947 sobre “Rexistro de Estranxeiros” e a Lei Smith. Entre eles estaban William Z. Foster, secretario xeral; Benjamin Davis, concelleiro de Nova York; e Gus Hall, presidente do distrito de Ohio. O chamado “xuízo” non era un verdadeiro xuízo penal ou civil, senón que era un ataque do goberno ao Partido Comunista. A Lei Smith, en virtude da cal os acusados foron xulgados, viola claramente a Constitución norteamericana ao abolir os dereitos de liberade de expresión, liberdade de prensa e de reunión. É unha lei de control fascista. É tamén inconstitucional por ser unha lei específica contra un grupo de persoas. Foi feita na mesma liña que a odiosa Lei de Estranxeiría e Sedición de 1798. O xurado estaba composto por un elixido grupo de persoas pertencentes ás clases media e alta. O xuíz, Harold R. Medina, era un terratenente millonarios, anticomunista e activo participante na ofensiva gobernamental contra o Partido Comunista. Os cargos contra os acusados eran de “conspiración de avogar” polo derrocamento violento do goberno, nun atentado contra a liberdade de expresión e unha aposta polo control ideolóxico. As “testemuñas” eran un grupo de renegados, delatores e espías. Eugene Dennis, na súa declaración final ante o xurado, declarou que «nós non avogamos pola derrocamento pola forza do goberno dos EUA encabezado polo Presidente Truman. Loitamos pola súa derrota nas urnas en 1948.» O reaccionario xuíz tamén botou man da intimidación aos avogados da defensa, e, en última instancia, condenou a seis meses de cárcere aos acusados por “desacato”, e tamén tentou prohibirlles exercer as súas profesións. Once dos acusados foron condenados (o 14 de outubro de 1949) a cinco anos de prisión e unha multa de 10.000 dólares. O duodécimo acusado, Robert Thompson, posuidor da Cruz aos Servizos Distinguidos polo seu valor na campaña do Pacífico na II Guerra Mundial, foi sentenciado a tres anos.

O 4 de xuño de 1951, a Corte Supremo dos EUA confirmou este reaccionario ataque á Carta de Dereitos, cos votos discrepantes dos xuíces Hugo LaFayette Black e William O. Douglas. O xuíz Black declarou que a decisión era unha cambadela á Primeira Emenda, «a peza chave do noso goberno». O xuíz Douglas subliñou que a decisión invalidaba á liberdade de expresión. Moitos máis foron arrestados en 1951. O FBI declarou que 43.000 comunistas foron espiados e medios millóns “simpatizantes do partido” serían pechados en campos de concentración no caso de guerra. Outro paso máis nesta marcha norteamericana cara ao fascismo foi a Lei McCarran, na que se afirmaba que o “Comunismo” era unha “conspiración internacional” e que os comunistas eran “axentes estranxeiros”. Asemade, a lei estabelecía o principio reaccionario de culpabilidade por asociación. A intención era converter en ilegais certas posturas políticas. Os liberais favorábeis á guerra e os socialdemócratas defenderon esas leis fascistas. Por exemplo, Norman Thomas (un “socialista”) apoiou publicamente a proposta de campos de concentración para os comunistas. A intención destas leis era algo máis que a prohibición do Partido Comunista, era tamén destruír calquera oposición interna ao imperialismo norteamericano (é dicir, acabar coa disidencia).

Despois deste sumario da Historia do CPUSA de Foster, debe ficar claro que o estudo dos períodos críticos do partido no pasado só pon de manifesto o absurdo da propaganda burguesa contra o partido, pero tamén pode ser unha guía para saber evitar ou remediar determinados erros ideolóxicos. A historia da crucial derrota do Browderismo e a restauración do partido son agora máis relevantes ca nunca. O CPUSA está controlado actualmente por outro grupo de oportunistas dereitistas quen tamén tentan liquidar o partido, como Browder quixo facer. Só os militantes e simpatizantes do CPUSA poden salvalo. O fortalecemento do CPUSA como un partido marxista-leninista permitirá abrir un novo e brillante capítulo da súa historia.


Notas de rodapé:

(1) Os Comités de Dies eran o nome popular do Comité de Actividades Antiestadounidenses, que estaba presidido por Martin Dies (retornar ao texto)

(2) Earl Browder substituíu a Foster á fronte do partido. Quixo disolver o CPUSA, trocando o seu nome polo de Asociación Política Comunista e disolvéndoo no Partido Demócrata. Despois da guerra, Browder foi expulsado. (retornar ao texto)

logotipo da fonte
Inclusão 09/09/2014